Wednesday 15 de May de 2024

A Pobra conmemora o Día das Letras Galegas cunha ampla oferta cultural ata finais de mes


No 17 de maio conmemórase o Día das Letras Galegas, que neste 2021 está dedicado a Xela Arias. Para tal ocasión, a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal organiza unha serie de actividades centradas na figura da homenaxeada, que se estenden ata finais do presente mes e dirixidas a toda a veciñanza. A este respecto, a edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), manifestou que se trata dunha programación “moi dinámica” na cal se respectarán as medidas estabelecidas por mor da COVID-19. Engadiu que “para min é moi significativo que sexa unha muller a homenaxeada este ano porque dende 1963 é a quinta.” Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), fixo fincapé no principal obxectivo: “poñer en valor unha figura como a de Xela Arias, así como o noso idioma, a nosa lingua, e que sexa apreciada dende os máis pequenos e pequenas e pola sociedade no seu conxunto.” O acto de presentación tamén contou coa asistencia da técnica municipal, Fita Sanisidro.

No propio día 17 de maio terá lugar unha ruada con grupos de música tradicional a partir do mediodía en diferentes espazos da vila. Na xornada do 18 de maio terán lugar dúas actividades. Sole Felloza ofrecerá o contacontos Oito pasos… oito versos, dirixido a crianzas a partir dos 5 anos. A cita transcorrerá na biblioteca municipal Victoriano García Martí a partir das 18.00 horas e as prazas son limitadas, polo cal resulta preciso face-la reserva previa chamando ó teléfono de contacto 981831633. Así mesmo, nesa mesma tarde, ás 20.00 horas, dará comezo no Auditorio do Museo Valle-Inclán a charla musicada Irás, Dirás, Virás con Clara Pino e Pablo Vidal. É preciso anotarse a través do teléfono 981831545.

A finais de mes, no 28 de maio, procederase coa presentación do libro Memorias dunha estrela sen luz, de Andy da Fonte. Será na casa da cultura Raquel Fernández Soler, ás 20.30 horas, en colaboración coa A. C. Barbantia, e tamén se require a inscrición no 981831545.

Así mesmo, dende o día 12 ata 26 de maio desenvolveranse nos centros educativos do municipio tres iniciativas. Para o estudantado da educación secundaria obrigatoria (ESO) no instituto pobrense lánzase unha proposta focalizada no Instagram. Consiste en colgar nesta rede social unha imaxe relacionada con algún poema da homenaxeada acompañada do cancelo (hashtag) #APobraconXela e etiqueta-lo perfil do Concello (gobernodapobra). Entre tódalas persoas participantes repartiranse cadernos conmemorativos desta data e realizarase un sorteo de aparellos tecnolóxicos.

No que respecta ó alumnado da primaria, bota a anda-lo xogo-concurso O Pasaporte de Xela, consistente en cubrir un fragmento do poema pertencente ó libro Denuncia do equilibrio. As dez palabras que faltan atoparanse distribuídas en diversos estabelecementos locais, onde se estampará o selo co vocábulo que lle corresponda. O desafío reside en cubri-lo dito pasaporte e entre a rapazada participante sortearanse 35 agasallos.

E, para as e os escolares da educación infantil, destínase un xogo de colorear, debuxar ou aplicar calquera tipo de técnica plástica a unha silueta de Xela impresa sobre papel. Estabelécese un presente para cada unha das crianzas participantes.

Todo isto complementarase co repartimento de aproximadamente 1000 libros en lingua galega entre tódolos centros de ensino do termo municipal.